mércores, 4 de novembro de 2020

Ábrese o prazo de inscrición para formar parte do programa Correspondentes Universitarios

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, en colaboración coas universidades de Vigo, A Coruña e de Santiago de Compostela, abre o prazo para inscribirse no programaCorrespondentes Universitarios, que fomenta a difusión de diferentes programas, accións e iniciativas que a Xunta de Galicia ofrece ás mozas e mozos. As persoas interesadas en formar parte desta iniciativa poderán inscribirse desde hoxe mesmo mediante un formulario electrónico. Os requisitos serán manter a condición de estudante dalgunha das titulacións das tres universidades durante o curso 2020/2021e ter un máximo de 30 anos no momento da solicitude. As funcións destes correspondentes serán: colaborar cos centros na difusión de información relacionada coa situación sociosanitaria derivada da covid-19, xestionar regularmente un taboleiro ou sistema de divulgación e asistir ás reunións de coordinación que se convoquen, así como aos cursos de formación organizados pola Dirección Xeral ou as universidades. Beneficios das voluntarias e voluntarios As voluntarias e voluntarios que decidan converterse en correspondentes accederán a unha serie de beneficios: desde recibir información xuvenil de interese, a unha formación gratuíta en materia de xuventude e tamén recibirán gratuitamente o Carné Xove, o Carné Internacional de Estudantes (ISIC) e o Carné de Alberguista durante o curso escolar no que estean inscritos. Así mesmo, recoñeceráselle o tempo dedicado como persoas voluntarias, as universidades expediranlles unha certificación a aqueles que acrediten a súa participación para os efectos da solicitude de créditos e poderán participar gratuitamente, durante unha fin de semana, nun encontro autonómico de correspondentes (incluíndo o aloxamento, a mantenza e a programación de actividades), sempre e cando a situación sanitaria derivada da crise Covid-19 o permita.

Oferta formativa