luns, 29 de novembro de 2010

IV Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados

O Departamento de Educación do Concello de Santiago e Kalandraka convocan o IV Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cunha dotación económica única de 12.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor.
O prazo de presentación dos traballos rematará o 28 de febreiro de 2011 e o fallo do xurado darase a coñecer o 1 de abril, previo á celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, e no marco das actividades do XI Campaña de Animación á Lectura que organizan o Concello de Santiago e Kalandraka.
O prestixioso artista italiano Roberto Innocenti (Florencia, 1940), ilustrador de obras como "As aventuras de Pinocho", "a historia de Erika" ou "A casa", e galardoado co Premio Hans Christian Andersen en 2008, formará parte do xurado do certame.
O Premio Compostela está dirixido a autores e ilustradores de calquera nacionalidade que presenten obras orixinais e inéditas. As persoas interesadas en presentarse ao certame deberán enviar cinco copias do texto escrito en calquera lingua oficial da Península Ibérica, tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en cor de cada unha delas, xunto cunha maqueta acabada de todo o proxecto. O material, asinado baixo lema ou pseudónimo, enviarase ao Rexistro Xeral do Concello de Santiago: R/Presidente Salvador Allende, 4, 15705 Santiago de
Compostela.
Kalandraka publicará a obra premiada nas cinco linguas oficiais peninsulares -castelán, galego, catalán, éuscaro e portugués- en outubro de 2011. A editorial poderá publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial. Ademais de contar con Roberto Innocenti, o xurado completarase con outros profesionais de recoñecido prestixio no ámbito da literatura e a ilustración infantil. As bases completas de participación pódense consultar nas respectivas páxinas web de Kalandraka: www.kalandraka.org e do Concello de Santiago:
www.santiagodecompostela.org

MÁIS INFORMACIÓN:
CONCELLO DE SANTIAGO. DEPARTAMENTO DE EDUCACIÓN. Tlf. 981 554 400 KALANDRAKA EDITORA.
Tlf. 986 860 276

Ningún comentario:

Publicar un comentario