luns, 15 de novembro de 2010

Programa multiaventura "invernízate con nós"

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado vén de organizar un programa de actividades de lecer e tempo libre no medio natural orientado á mocidade, que se desenvolverá durante as fins de semana de outono e inverno a partir do vindeiro día 19 de Novembro.

Os mozos e mozas de entre 18 e 35 anos poderán gozar da práctica de BTT, tiro con arco, corda tirolesa, iniciación ao rapell, orientación, xogos tradicionais, dinámica de grupos, recoñecemento de estrelas, orientación nocturna, rutas de sendeirismo, obradoiros de recoñecemento fotográfico da paisaxe e de construcións, entre outras actividades.

Os posuidores do carné xove obterán un 25 por cento de desconto no prezo da praza, que será de 75 euros e que incluirá o aloxamento no albergue xuvenil de Gandarío; manutención completa durante a estadía, de tres días e dúas noites; o material preciso para desenvolver as actividades e o asesoramento dun monitor.

Pola súa banda, os participantes do ‘Invernízate con nós’ deberán levar útiles de aseo, roupa e zapatillas deportivas, prendas de abrigo e de protección fronte a chuvia, ademais de calzado forte e cómodo. Tamén terán que desprazarse ate o albergue de Gandarío polos seus propios medios e aceptar todas as condicións esixidas na folla de inscrición.

Os interesados en participar deberán cubrir a solicitude que atoparán na páxina web www.xuventude.net e que haberán de entregar nas oficinas municipais de información xuvenil (OMIX) dos seus concellos xunto a unha fotocopia do DNI. No caso de que as súas entidades locais carezan deste servizo poderán remitir a súa petición á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario