mércores, 27 de abril de 2011

Campos de traballo da Xunta de Galicia

Hoxe ábrese o prazo de inscrición para solicitar praza nos campos de traballo que se desenvolven en Galicia, noutras comunidades autónomas e nun total de 19 países do estranxeiro. Esta iniciativa está dirixida a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos.

Os campos de traballo son actividades encamiñadas a fomentar a convivencia, a participación e a solidariedade entre a mocidade e o seu contorno, a través da colaboración voluntaria en distintos traballos. De feito, estes proxecto poden estar centrados en distintas temáticas. Os campos de traballo que se ofrecen este ano son: culturais e etnográficos; ambientais; de construción e restauración; sociais e arqueolóxicos.

As inscricións poderanse realizar na propia Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar, ou no ben nos servizos de xuventude das xefaturas territoriais, tanto persoalmente ou por teléfono, de luns a venres. A oferta completa pode consultarse no apartado de “Acción de Verán” desta web.

No que se refire concretamente aos campos de traballo en Galicia, a Xunta oferta un total de 260 prazas en 11 campos distintos, o que supón aumentar en 40 as prazas dispoñibles con respecto ao ano anterior. Estas prazas van dirixidas a mozos e mozas galegos, doutras comunidades autónomas e, cando o campo de traballo é internacional, para a mocidade de países estranxeiros. Mentres existan vacantes, estas prazas en campos galegos poderanse solicitar ata tres días antes do inicio da actividade.

As actividades desenvolveranse entre os meses de xullo e agosto. Os 11 campos de traballo terán lugar, en distintas quendas, en: Cabana de Bergantiños (A Coruña); Rois (A Coruña); Narón (A Coruña); Palas de Rei (Lugo); Vilar de Barrio (Ourense); Ourense; e Illas Cíes (Pontevedra).

Por outra banda, os campos de traballo para outras comunidades autónomas poderanse solicitar, mentres haxa vacantes, ata o 18 de maio. Así, os interesados terán á súa disposición prazas en: A Rioxa, Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Canarias, Cantabria, Castela e León, Cataluña, Ceuta, Estremadura, Madrid, Melilla, Navarra, País Vasco e Valencia.

Finalmente, para as prazas no estranxeiro, aquelas persoas que queiran participar terán que inscribirse antes do 12 de maio, ou ese mesmo día, sempre que haxa prazas libres. En total, ofértanse prazas en 19 países. En concreto, os países nos que se poderá optar praza son: Alemaña, Armenia, Austria, Corea do Sur, Estonia, Francia, Grecia, Islandia, Italia, Lituania, Marrocos, México, República Checa, Rusia, Serbia, Taiwan, Turquía, Ucraína e Xapón.

maís info en www.xuventude.net

Ningún comentario:

Publicar un comentario