A Fundación Galicia-Europa convoca bolsas para o ano 2011:
A- Bolsas para titulados universitarios que obteñan prácticas non remuneradas nunha institución da Unión Europea.
B- Bolsas para a formación en prácticas de licenciados en temas relacionados coa Unión Europea na Fundación Galicia-Europa.
C- Bolsas para a realización de estadías na oficina da Fundación Galicia-Europa en Bruxelas dirixidas ao persoal ao servizo das entidades membros e asociadas do seu padroado.
D-Bolsas para a realización de estudos de especialización sobre a Unión Europea en centros universitarios situados en Bélxica.
Na convocatoria 2011 inclúense 7 bolsas de formación destinadas ao seguimento de asuntos relacionados coas institucións comunitarias, as súas políticas e a captación e xestión de proxectos. Para esta modalidade valoraranse especialmente as candidaturas de licenciados en Dereito, Ciencias Económicas e Empresariais e Ciencias Políticas. Das sete prazas, 4 serán para a oficina de Bruxelas e as outras 3 para Santiago.
Xunto a elas, convócanse outras dúas prazas para licenciados en Ciencias da Comunicación (cunha titulación en Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou Publicidade), un para a oficina de Bruxelas e outro para a de Santiago. A súa labor será contribuír á información e difusión das actividades da Fundación Galicia Europa, da Xunta de Galicia e das empresas do sector público no ámbito europeo.
O prazo de solicitude para ambas bolsas remata o mércores 17 de novembro de 2010 e as probas de seleción celebraranse o 25 de novembro ás 10h na Escola Galega de Administración Pública (EGAP).
Os requisitos para ser beneficiario destas bolsas esixen ser galego ou nado en Galicia, ou ben acreditar residencia nesta comunidade desde antes do 31 de decembro de 2008; ter un título universitario posterior ao 31 de decembro de 2005; dominar o galego; e expresarse con fluidez en inglés e/ou francés.
Toda a documentación relativa a estas convocatorias de bolsas da Fundación Galicia-Europa está á disposición dos interesados nas oficinas centrais da fundación, na rúa dos Feáns, 3 C baixo, 15706 Santiago de Compostela (teléfono 981 54 10 12) ou ben na súa páxina web: http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu
Ningún comentario:
Publicar un comentario