mércores, 14 de marzo de 2012

CURSOS DE INGLES PARA XOVENES

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, está a xestionar unha nova convocatoria de cursos de idiomas no estranxeiro para os mozos e mozas de entre 14 e 30 anos para este ano. En total, os participantes poderán optar a mellorar o seu idioma nun total de 17 países diferentes.

En concreto, ofértanse actividades formativas para un total de 8 idiomas: inglés, francés, alemán, italiano, portugués, ruso, chinés e árabe. Para practicar e mellorar estas linguas, os participantes poderán optar a estadías en distintos países.

Deste xeito, para o inglés poderán escoller entre Reino Unido, Irlanda, Australia, Canadá, EEUU, Malta, Nova Zelanda e Sudáfrica; entre Alemaña e Austria, para o alemán; Italia e Portugal para italiano e portugués; e finalmente en Rusia, China e Marrocos para practicar o ruso, o chinés e o árabe. En total, recóllese unha amplia selección de cursos internacionais en máis de 100 escolas de idiomas.

Poderán participar todos os mozos e mozas con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos. Na guía de cursos, dispoñible na web http://xuventude.xunta.es, pode consultarse o abano de idades para cada escola.

Os prezos varían en función do tipo de cursos, do número de leccións, do réxime alimenticio, das datas, das semanas de duración, do tipo de aloxamento e doutros servizos. No prezo inclúese as clases do idioma elixido, o aloxamento –en familias, apartamentos, ou residencias de estudantes-, así como un seguro de asistencia en viaxe.

Ademais, os posuídores do carné xove terán un 6 por cento de desconto sobre os prezos ofertados.

Con respecto ao prazo de inscrición, hai que facer a solicitude como mínimo 15 días antes do comezo do curso en tempada baixa (de xaneiro a maio, e de outubro a decembro) e 30 días en tempada alta (de xuño a setembro). No caso dos cursos de Estados Unidos e Canadá, o prazo será entre 30 ou 60 días antes da data do comezo do curso, e en tempada alta, con dous meses de antelación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario