xoves, 17 de novembro de 2011

Programa de estancias creativas

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado porá en marcha un Circuíto de Creatividade para dar a coñecer os traballos dos mozos e mozas creadores galegos con actuacións e exposicións itinerantes en Galicia e en Portugal.

As estancias terán lugar no Albergue Xuvenil de Gandarío (Bergondo), na provincia da Coruña, e no Complexo Residencial Xuvenil LUG II (Lugo) en oito fins de semana, desde o mes de febreiro ata o mes de xuño de 2012.

En cada fin de semana o número de prazas será de 20, un total de 10 por cada especialidade, (menos unha que terá dez prazas) sendo estas poesía, relato breve, graffiti, banda deseñada, videocreación, webcreación, creación DJ, baile, música, pintura, escultura, teatro, danza e expresión, cartelería e fotografía creativa. Como remate das estancias, no mes de xuño está prevista unha creación multidisciplinar por parte de todos os participantes.

As estancias inclúen aloxamento e manutención e os materiais básicos para a intervención artística e para a realización do traballo artístico. Os participantes terán como monitores de apoio a artistas profesionais, xa consagrados en cada unha das materias.

Os interesados deberán remitir á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado a súa solicitude xunto co seu proxecto e o seu currículo artístico. Coincidindo co Ano Europeo do Voluntariado, a temática dos proxectos será ‘Arte voluntaria: como facer arte desde o voluntariado’. As obras seleccionadas integrarán o Circuíto de Creatividade.

Animádevos!

máis información en www.xuventude.net

Ningún comentario:

Publicar un comentario